O PROXECTO
O proxecto «Boas prácticas para a construción da perspectiva de xénero nas escolas da provincia de Pontevedra: alfabetización dixital crítica, coidados e cidadanía nas sociedades conectadas» é unha iniciativa concedida ao aveiro das Axudas de investigación da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, incardinada na súa liña prioritaria de educación, alfabetización dixital e coidados nas sociedades conectadas. Desenvolvido por un equipo investigador da Universidade de Vigo composto por seis persoas e coordinado por Abraham Bernárdez Gómez, o proxecto parte da necesidade de dar resposta aos retos que expoñen as contornas dixitais (redes sociais, plataformas audiovisuais, videoxogos e intelixencia artificial) na infancia e na adolescencia. Fronte á reprodución de estereotipos, desigualdades e discursos discriminatorios nas pantallas, a investigación aborda a educación para a igualdade e o cumprimento do ODS 5 desde o empoderamento do alumnado a través da alfabetización dixital crítica.
O obxectivo principal do estudo centra-se en identificar, analizar, sistematizar e visibilizar as boas prácticas coeducativas que xa se están a realizar nos centros educativos non universitarios da provincia de Pontevedra. Moitas destas iniciativas docentes permanecían ata agora dispersas ou pouco documentadas. Para levalo a cabo, a investigación adopta un deseño cualitativo de estudo de casos múltiples mediante unha amosega intencional de experiencias escolares. A recollida de datos combina a análise documental de recursos pedagóxicos obtidos do repositorio da Xunta de Galicia con entrevistas semiestruturadas en profundidade ao profesorado responsable das devanditas iniciativas, procesando a información mediante a codificación temática no software ATLAS.ti.
A investigación organízase arredor dun marco multidimensional composto por seis dimensións de análise: intencionalidade pedagóxica e integración curricular, perspectiva de xénero en contidos e recursos, alfabetización dixital crítica, metodoloxía e axencia do alumnado, formación docente e sostibilidade institucional, e impacto e transferibilidade. Coa triangulación dos datos recollidos, o proxecto aspira non só a elaborar unha proposta de indicadores para avaliar o traballo en igualdade nas aulas, senón tamén a xerar recursos de transferencia directa para a comunidade educativa, tales como unha guía de recomendacións e un repositorio dixital de acceso aberto que recolla e difunda as boas prácticas identificadas.


